ACTIVIDADES
CURSO UNIVERSITARIO ‘CAMIÑOLAB: DEREITO E CAMIÑO DE SANTIAGO’
A Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acolleu do 27 ao 29 de setembro de 2022 o curso universitario ‘CAMIÑOLAB: Dereito e Camiño de Santiago’ . Esta formación estaba especificamente dirixida ao persoal das Administracións Públicas e aberta a todas aquelas persoas interesadas no eido xurídico do Camiño de Santiago. A fin de facilitar o acceso ao curso, o Grupo Compostela de Universidades lanzou unha convocatoria de dez bolsas orientada ao alumnado do sistema educativo galego e a persoas en situación de vulnerabilidade.
Durante as tres xornadas, os participantes recibiron formación xurídica básica sobre a ruta de peregrinación a través dos relatorios de expertos procedentes das universidades de Cantabria, Santiago de Compostela, Rey Juan Carlos, A Coruña, Vigo, Sevilla, Zaragoza e Oviedo. Tamén supuxo un foro de análise para estudar as interaccións entre o territorio, o medio ambiente, a sustentabilidade e o Camiño de Santiago.
Aquelas persoas que superaron o curso puideron solicitar a emisión dun diploma de formación continua e o recoñecemento de tres créditos ECTS á USC.



CONGRESO DO COMITÉ CIENTÍFICO EN SANTIAGO DE COMPOSTELA
O congreso do comité científico tivo lugar do 27 ao 29 de setembro de 2022 en Santiago de Compostela, paralelamente ao curso universitario anteriormente mencionado. Neste evento os membros do órgano concentráronse en asentar as bases do plan de sustentabilidade da iniciativa a través de diversas accións:
- Acordaron a publicación dun resumo dos relatorios do curso universitario ‘CAMIÑOLAB: Dereito e Camiño de Santiago’ na web.
- Definiron as liñas para a edición dunha nova obra científica.
- Abordaron os puntos estratéxicos da participación no undécimo Foro Consultivo Anual sobre Itinerarios Culturais del Consello de Europa.
- Concretaron os aspectos académicos do curso que organizarán en colaboración coa Asociación de Municipios do Camiño de Santiago.
- Identificaron posibles vías de colaboración con outras organizacións, asociacións e organismos públicos.
EXPERIENCIAS CULTURAIS E ACADÉMICAS
O programa de ambos eventos propiciou a promoción e descubrimento do patrimonio arquitectónico, escultórico, paisaxístico, relixioso, documental, gastronómico e artístico de diversas poboacións percorridas polo Camiño do Norte.
Museo das Peregrinacións e de Santiago
A visita guiada á colección permanente deste museo aporta unha visión acerca do carácter universal do Camiño de Santiago e a peregrinación xacobea, así como da evolución da cidade compostelá.



Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela
Visita guiada ao conxunto escultórico realizado polo Mestre Mateo e os seus colaboradores no século XII.
Páxina do Pórtico da Gloria na web da Catedral de Santiago de Compostela.
Cidade da Cultura
Visita guiada orientada a coñecer o proxecto arquitectónico deste espazo consagrado ao coñecemento e a creatividade.
Web da Cidade da Cultura.
Percorrido do Camiño do Norte
Acompañamento do académico de número da Academia Xacobea Lois Celeiro na andaina do tramo desde a igrexa de Santa María en Vilalba ata Ponte de Saa.
Web do Camiño do Norte.




Mosteiro de Santa María de Sobrado
Visita guiada ao mosteiro cisterciense de Sobrado dos Montes, declarado Patrimonio da Humanidade pola Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura en 2015.
Web do Mosteiro de Sobrado.
Pazo de Viladavil
Visita guiada ao pazo, á súa contorna e ao museo etnográfico.

